FALAMOS CON ... JORGE SIERRA
Pedagogo e membro do Departamento de Orientación do colexio compostelán La Salle
Pedagogo e membro do Departamento de Orientación do colexio compostelán La Salle
No Colexio La Salle de Santiago, o
Departamento de Orientación está levando a cabo un programa de enriquecemento,
dirixido a nenas e nenos de altas capacidades. O obxectivo desta iniciativa non
é outro que o de dar posibilidades de ampliación e afondamento en certos
aspectos do currículo ordinario. Así mesmo, proporciona ao alumnado a
posibilidade de traballar cunha metodoloxía diferente, aberta e flexible, que
permite plasmar o pensamento diverxente que os caracteriza.
Falamos con Jorge Sierra, pedagogo, e promotor da idea |
ASAC: En que momento un profesional da pedagoxía decide dar o paso de atender de maneira específica a este grupo de rapaces e rapazas?
A verdade é que dende os estudos a realidade dos nenos e nenas con altas capacidades intelectuais interesábame moito, e non só cun interese teórico, senón sobre todo intentando dar resposta ás súas necesidades. Agora mesmo, estou moi interesado, máis que no seu rendemento académico ou nas adaptacións curriculares, nas súas necesidades afectivas e emocionais. A "disincronía" descrita pola maioría dos psicólogos existente nas persoas con altas capacidades intelectuais fai que sexa preciso traballar no desenvolvemento integral da persoa, tamén con obxectivos claros de aprendizaxe de habilidades sociais e de vida emocional.
Dicía Aristóteles que era “tan inxusto tratar aos desiguais con igualdade coma os iguais con desigualdade”. Todos os nosos alumnos necesitan unha atención máis personalizada e centrada nas súas posibilidades e necesidades, tamén os nenos e nenas cunha capacidade de razoamento especial.
ASAC: En que consisten os obradoiros que o seu Departamento organiza?
Neste momento, temos tres programas específicos para alumnos e alumnas con altas capacidades intelectuais. Dous son programas de enriquecemento curricular, en coñecemento do medio para os alumnos de 6º de Primaria e en matemáticas para os de 2º e 3º de Primaria. Ambos intentan favorecer a investigación persoal e a motivación dos alumnos en áreas do seu interese, traballando nun grupo de aprendizaxe cooperativo. Non só se traballan aspectos académicos: os grupos ten as súas propias asembleas, onde deciden importantes aspectos da marcha da clase, obradoiros de habilidades sociais... Por exemplo, eles mesmos decidiron o castigo para un compañeiro que fixo unha pequena trapallada, demostrando un gran sentido de xustiza e ecuanimidade. Este proxecto está baseado nos estudos de J. Renzulli e nas experiencias dispoñibles na bibliografía de alumnos superdotados, sobre todo no ámbito anglosaxón.
A terceira alternativa, nova este ano, é para alumnos de Secundaria e céntrase no desenvolvemento da persoa máis que nos aspectos académicos. É un programa de "mentorado" no que participan alumnos que xa teñen una adaptación curricular, como unha aceleración de curso. A partir de textos, do diálogo e inspirado no traballo de M. Lipman coa súa "filosofía para nenos" e o estudo lonxitudinal de J. Freeman e outros, xa moi estudado en Estados Unidos, inténtase dotar ao mozo de canais e métodos para comprender a súa propia realidade e o seu senso crítico, aprendizaxes que creemos lles serán de gran axuda no futuro.
ASAC: Aínda que está nunha fase temperá, que beneficios está detectando na marcha do alumnado afectado?
Aínda é pronto para poder sacar conclusións, pero xa detectamos, en diálogo cos pais, que os nenos valoran as horas específicas moi positivamente e sérvenlles de motivación extra. Ademais, teñen a oportunidade de compartir parte da súa aprendizaxe con nenos e nenas de similares características intelectuais, o que lles axuda a "descentrarse" e comprender mellor o mundo que os rodea: todos somos especiais, cada un no ámbito ou habilidade preferida, e todos podemos aprender uns dos outros. Este traballo, claro está, compleméntase co traballo no grupo aula cos titores, un dos elementos fundamentais destes programas.
A outra "pata" do programa, as familias, tamén están mostrándose satisfeitas e receptivas ás nosas propostas, axudando sobre todo no apoio emocional dos nenos e nenas.
ASAC: Como pedagogo, considera que o ensino aberto e flexible, que permite diferentes niveis de afondamento está moi lonxe de ser o sistema desexado para todo o alumnado?
Penso que o centro da educación deben ser os nenos, non os programas (ou, menos aínda, as leis). Tamén teño claro que o primeiro obxectivo da educación é a socialización das persoas, nun senso amplo. Non obstante, o noso sistema dista moito de servir realmente ás necesidades do alumnado e os profesores temos que crecer en flexibilidade para adaptarnos ás necesidades reais dos nenos e nenas, sexan de altas capacidades ou teñan outra necesidade especial, pois na sociedade ten cabida todos.
Ás veces podemos pensar, ou incluso oír no ámbito das altas capacidades, que non traballar con estes nenos é unha perdida para toda a sociedade, para a civilización. Persoalmente non me agradan estas interpretacións, porque, aínda que teñan gran parte de razón, parecen esquecer que a nosa responsabilidade como adultos non é que os nenos se convertan en xenios ou profesionais tremendamente eficaces para conducir o mundo ao futuro, senón persoas felices, capaces de relacionarse e de aprender. O resto vén de seu.
ASAC: Arredor dos rapaces e rapazas de altas capacidades circulan moitos falsos tópicos, incluso entre os docentes: que non precisan axuda, que moitos non traballan porque non queren, que se teñen que adaptar ao ritmo medio da clase,... Cal é a realidade, e onde pode estar fallando o noso sistema?
O problema dos mitos en torno aos nenos e nenas con altas capacidades é moi importante. Non só cos pais e profesores, tamén na bibliografía. Dende o fallido estudo de Terman, escribíronse moitos supostos experimentos que, en realidade, ningún científico serio consideraría. Abonda con ir a unha librería pedagóxica e ver moitos dos libros sobre nenos superdotados, ou moitas páxinas web. Coa excepción dos estudos e artigos de Y. Benito e o seu equipo, en lingua castelá a maioría dos libros publicados repiten esquemas antigos ou perpetúan mitos baseados en investigacións realmente deplorables. Por exemplo, a pesar de que os estudos de Dabrowsky sobre as sobrexcitabilidades e o desenvolvemento emocional das persoas con altas capacidades son plenamente coñecidos e interpretados no ámbito anglosaxón, en España seguimos con planeamentos erróneos, cando non prexudiciais. Por exemplo, que o alumno con altas capacidades está destinado a aburrirse en clase ou, peor, ao fracaso. Nada máis lonxe da realidade.
Respecto ao sistema educativo, só temos que pensar que ningunha empresa do mundo aceptaría as cifras de fracaso que se fixeron públicas recentemente. Isto non só é unha calamidade nos nenos superdotados, é una desfeita enorme para toda a sociedade.
ASAC: Que consello daría a calquera docente que se atopa cun alumno ou alumna de altas capacidades da súa aula? Como se debería plantexar a atención á diversidade nestes casos?
O primeiro que lembre que é unha persoa, ademais en crecemento, non un problema. E como cando nos enfrontamos a unha nova realidade, o segundo consello é formarnos e atopar a axuda adecuada. Afortunadamente, está medrando o número de pedagogos e equipos de investigación sobre altas capacidades. Aínda hai un salto enorme entre Estados Unidos ou o resto de Europa e España, pero podemos ser optimistas ao respecto.
Como docentes, todos podemos aprender máis dos novos paradigmas da educación (que na súa maioría, non son tan novos), como a escola inclusiva, a atención ás necesidades educativas especias, a aprendizaxe cooperativa, as novas tecnoloxías… É certamente un traballo inxente, pero tamén fascinante: nas nosas mans está, literalmente o futuro.
ASAC: Moitas grazas por todo, e parabéns pola iniciativa.
Grazas a vós polo interese e a entrevista.