FALAMOS CON ... IRIS GONZÁLEZ RIVAS
Alumna do IES Basanta Silva, de Vilalba, e membro de ASAC.
Alumna do IES Basanta Silva, de Vilalba, e membro de ASAC.
Entre os corenta alumnos e alumnas que o pasado 25
de marzo viron recoñecido o seu traballo
cos premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico
e ao esforzo e superación persoal atopábase Íris González Rivas, membro de ASAC. Os galardóns, resultado da
colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e
Novacaixagalicia, foron entregados no edificio administrativo de San Caetano,
en Santiago de Compostela, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Educación,
Xesús Vázquez Abad; o director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo
Brea Vila; e o resto dos secretarios e directores xerais, así como outros
representantes da Consellería de Educación.
|
Din de Iris que por riba da súa capacidade intelectual ten un gran corazón. Leal cos amigos, responsable na casa e agarimosa con todos. Gosta dos retos e das preguntas, máis que das respostas, alimentada quizais esta teima polo seu afán devorador na lectura. Polo seu sangue corre a música, que quizais lle vén do seu avó, que botou 60 anos nese mundo. E, por ter ascendencia de lugares diferentes, preserva un espírito aventureiro que a abre ao mundo. Din tamén dela que ten certa tendencia ao desorde...pero esa é outra historia.
ASAC: O primeiro de todo debe ser felicitarte. Non é unha broma chegar ata aquí, non?Por riba da súa capacidade intelectual
IRIS: É unha gran satisfacción estar entre os premiados, sobre todo cando eramos tantos os que aspirabamos ó galardón.
ASAC: Iris, cóntanos como fas para acadar estes resultados académicos. Cada estudiante ten os seus trucos. Cales son os teus?
IRIS: Non teño ningún truco en especial. Tan só prestar atención nas clases (aínda que nalgunha é imposible, jajajaja). Non soporto chapar os temas. Penso que se entendes as cousas, quédanseche, e non necesitas meterte unha inxesta de información para vomitala nun exame e despois esquecer todo.
ASAC: Cando entrastes (ti e a túa familia) en ASAC?
IRIS: Este é o primeiro ano que estamos na asociación, aínda que xa contactamos a finais do curso pasado cando miña nai descubriu a existencia de ASAC a través da rede. Quédanos bastante lonxe, xa que vivimos en Vilalba, pero paga a pena por compartir este ratiño cos amigos que coñecín.
ASAC: En que momento os teus pais che contaron que eras unha nena de AACC?
IRIS: Foi algo que sempre escoitei (á familia, ós compañeiros, ós profesores), aínda que as probas non mas fixeron ata 4º ESO por ineficacia dos orientadores, cos que xa contactara miña nai dende que iniciei a primaria.
ASAC: Como reaccionaches? Porque é de supoñer que ti percibías diferencias.
IRIS: Foi algo que sempre tiven asumido con normalidade, como a cor dos ollos. Sen embargo, tamén precisaba respostas e lembro ter buscado información en varias fontes acerca do tema moito antes de que me diagnosticaran.
ASAC: O sistema educativo no noso país é moi variopinto. Se tiveses que ser moi crítica e analítica e definilo, de que maneira o farías?
IRIS: Un sistema feito para a media. Todo aquilo que se sae dese esquema, acostuma supoñer un problema e as adaptacións do mesmo destacan pola súa ausencia ou polos seus malos resultados.
ASAC: Sen mencionar nomes, que tipo de profesores lembras de maneira especial?
IRIS: Aqueles que traspasan a barreira alumno-profesor, que non se quedan nunha mera preocupación académica senón que se implican persoalmente e deixan a súa pegada, converténdose finalmente en amigos. Merécenme unha mención especial unha profesora de Historia á que quero moito e que, aínda que xa non está no meu instituto, segue a ser un gran apoio para min; e unha profesora de Tecnoloxía que sempre se está a preocupar por min e coa que teño unha gran conexión.
ASAC: Dende o teu punto de vista, as escolas e institutos están atendendo correctamente ao alumnado de AACC?
IRIS: No meu caso, a solución que me ofreceron foi unha ampliación de contidos que debería realizar pola miña conta, xa que os profesores non poderían adicarme tempo ó ter que ocuparse do resto da clase e, polo tanto, sería simplemente un extra de deberes. Tampouco se contemplou a posibilidade de realizar o bacharelato nun ano, o que me resultaba unha opción moi atractiva.
ASAC: Fálamos un pouquiño de ti: cales son as túas aficións, as túas paixóns, o que realmente te fai feliz.
IRIS: Ante todo a música: paso moitísimo tempo tocando e escoitando (xa son a terceira xeración dunha familia de músicos). Tamén me gusta moito ler, escribir, debuxar, xogar ós videoxogos, patinar e saír cos amigos. A través de meu tío, coñecín o apaixonante arte da cetrería pero actualmente vivimos demasiado lonxe como para poder practicalo.
ASAC: Seguro que tes plans para o teu futuro, non si?
IRIS: Nuns días marcho a Madrid, para facer as probas de admisión para unhas becas así que, se hai sorte, agardo poder pasar os vindeiros dous anos nun dos Colexios do Mundo Unido. Senón, proseguirei cara á Universidade e creo que cursarei Física.
ASAC: Moitísimas grazas, e a desfrutalo, que ben o mereces.
Iris González Rivas na prensa: La Voz de Galicia Lugo
La Voz de Galicia (edición xeral)