"TEÑO UN FILLO/A DE ALTAS CAPACIDADES. COMO DEBO ACTUAR?"
O medio familiar pode contribuír enormemente ao desenvolvemento das capacidades do neno ou nena ao axudarlle mediante a estimulación que a propia familia proporciona aproveitando os recursos que a comunidade ofrece e colaborando estreitamente co centro educativo ao que asista o alumnado.
Para isto é conveniente ter en conta as seguintes reflexións que, como froito da experiencia educativa, fan a maioría dos estudosos deste campo: |
- Un neno/a con altas capacidades debe ser ser ante todo un neno, de tal xeito que se lle ha de procurar un ambiente estimulante pero sen agonialo, todo iso nun contexto de seguridade persoal e emocional.
- Un contorno familiar conflitivo repercute negativamente na concentración, na motivación e no rendemento do alumno/a.
- Deberase respectar a súa personalidade, aceptándoo tal como é na realidade, cos seus aspectos positivos e negativos, procurando que se sinta querido. Ter un fillo/a con altas capacidades non é ningunha enfermidade ou desgraza.
- Animalo/a a que manteña a súa propia autoestima pero sen sobreeloxios.
Non convén “colgarlle” a etiqueta de excepcional. Máis ca o nome interesan os seus comportamentos e feitos.
- Calquera actividade cotiá realizada na casa ou fóra dela pode ser fonte de estímulo para o neno/a.
- As enciclopedias, libros, xogos de diverso tipo, instrumentos e audicións musicais, deportes... son estímulos que permiten a expansión de intereses coa conseguinte mellora de capacidades.
- Motivalo, pero sen agonialo. Evitar o exceso de actividades extraescolares.
- Aproveitar os recursos que a comunidade ofrece: museos, parques, conservatorios de música, acuarios, teatro, concertos, exposicións etc.
- As visitas ou viaxes fóra do circuíto cotián son susceptibles de aproveitamento para aprender sobre a planificación de rotas e sitios a visitar.
- Tentar responder as preguntas e as dúbidas dentro dun clima de liberdade e naturalidade. Hai que ter en conta que é posible un desfasamento entre o desenvolvemento cognitivo e emocional, co que algunhas preguntas poden resultar “infantís”. O clima de diálogo e confianza é fundamental.
- É importante respectar o seu traballo e non interrompelo cando está concentrado en algo que o apaixona, sempre e cando isto non supoña un abandono doutras responsabilidades ou quebranto das normas de
convivencia familiar.
- Interesa fomentar hábitos de orde: o seu cuarto, xoguetes, libros etc. Os pais deben ser coherentes con ese espírito de orde.
- A sistematización do traballo diario, a continuidade, a capacidade de esforzo, a distribución horaria do seu tempo, o establecemento de prioridades, a actitude positiva e a comunicación co seu contorno
próximo, a humildade para aprender son factores que poden contribuír ao seu éxito escolar e persoal
- Coidar que non salte duns temas a outros por capricho, sen afondar abondo.
- Controlar o excesivo perfeccionismo e a autocrítica. Axudarlle a programar actividades acordes coa realidade.
- Non pretender que vai ser excelente en todo
- Convén que dispoña de tempo e lugar axeitado para o estudo que debe exercer diariamente.
- Debe facilitárselle a forma autónoma de traballar. Poucas axudas. As orientacións deben ir enfocadas a materiais de consulta, bibliotecas etc.
Nunca facerlle as tarefas. Si axudarlle a planificalas xunto cos seus deberes, obrigas e proxectos na casa e na comunidade.
- A súa propia autorregulación, en oposición a un excesivo directivismo dos adultos, será unha meta que cumprirá conseguir.
- É moi importante para a súa autoestima eloxialo polos logros e a perseveranza, tendo sempre en conta a “fina” fronteira entre animar e agoniar.
- Deben evitarse as comparanzas con irmáns ou amigos. Non hai privilexios. A disciplina debe ensinarse igual ca aos demais.
- Colaborar co centro educativo estreitamente. En caso de desacordo coa filosofía do profesorado, non convén compartir a perspectiva co neno, pois isto podería converterse nunha perfecta desculpa para non facer o
que o profesor lle pida. En caso necesario, é conveniente recorrer ao profesor/a titor/a, ao orientador/a ou ao director/a do colexio para expoñerlle os motivos das súas inquedanzas.
- Aproveitar as posibles actividades extraescolares que o centro planifica.
(Texto extraído do documento "Sobredotación intelectual", dos Equipos de Orientación Específica da Xunta de Galicia)